Aportamosvos a información que dende a Confederación de ANPAS Galegas nos fixeron chegar sobre a Reválida de 3ª de Primaria. A Resolución onde aparecen as instruccións para aplicala e a posición de Nova Escola Galega atoparedelas ó final do post.
A Xunta de Galiza
ven de publicar, o pasado venres 5 de maio, as instrucións para o
desenvolvemento da reválida de terceiro de primaria, a única que aínda
permanece daquela ringleira de probas de eliminación que tiña que superar o
noso estudantado ata chegar á universidade.
ESTABLÉCESE NA LOMCE, COA MODIFICACIÓN DO SEGUINTE ARTIGO DA
LOE:
o
20.3: dicindo que os centros docentes realizarán
unha avaliación individualizada a todo o alumnado ao rematar 3º de primaria, segundo dispoñan as Administracións
educativas, na que se comprobará o grao de dominio das destrezas,
capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e
resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en
comunicación lingüística e da competencia matemática.
EN GALIZA RECÓLLESE NO DECRETO 105/2014, QUE ESTABLECE O CURRÍCULO DE PRIMARIA:
o 12.7: dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación
individualizada a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de
educación primaria, segundo dispoña a consellería de educación.
A CONSELLARÍA DISPÚXOO
NA RESOLUCIÓN DE 25 ABRIL DE 2017 QUE DI:
ÁMBITO Terá
carácter censual e aplicarase a todo o alumnado de centros docentes galegos,
públicos, privados e privado-concertados.
FINALIDADE Comprobar o
grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia
matemática.
CARÁCTER Informativo
e orientar para o alumnado, familias, docentes, centros e administración
educativa; polo tanto debería servir para:
§ Achegar
información individualizada de cada alumno ou alumna.
§ Achegar
información para cada centro relativo ao conxunto do seu alumnado.
§ Achegar
información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso do
alumnado.
COMPETENCIAS Comunicación
Lingüística e matemática, segundo os estándares de aprendizaxe avaliables para
3º de primaria segundo os anexos I e III do Decreto 105/2014
Estas probas, que
se anuncian no DOG como unha avaliación para comprobar o grao de dominio en
competencia en comunicación lingüística e matemática, continúan a ser a mesma
pretendida avaliación que as familias galegas, encabezadas por esta
Confederación, xa rexeitamos nos dous cursos precedentes cun abandono masivo
das aulas nos días da súa celebración, o
que tamén faremos nesta convocatoria, porque:
·
Non existe unha finalidade
diagnóstica cando se rexeita facer unha valoración seria en profundidade, que
avalíe non só competencias senón tamén recursos, medios, metodoloxías
aplicadas, obxectivos perseguidos, etc.
·
Non hai ningunha valoración útil
que se realice nun par de días, descontextualizando os resultados das
realidades vividas durante un curso académico, cando que hai que estudar cal é
a situación coa que se enfronta a comunidade educativa no día a día, cal é o
grao de ocupación das aulas, cal é a provisonalidade do persoal docente e
orientador, canto é o persoal de apoio, canto alumnado precisa de atención
educativa específica, etc.
·
Da experiencia de anos anteriores,
só se coñece o incumprimento absoluto das consecuencias, as mesmas que o venres
saíron novamente publicadas, por parte da Administración educativa, non houbo
valoración de resultados nos consellos escolares, non houbo plans de corrección
nas programacións xerais anuais, non houbo unha información personalizada ás
familias por parte das titoras, non houbo nada do que xustificaba a celebración
das probas. Entón, se a diagnose que se pode facer é incompleta, e aínda esa
non se utiliza: para que continuamos dilapidando diñeiro público en facer unhas
probas inútiles que estorban o normal desenvolvemento do curso escolar e poñen
en situación de incomodidade a alumnado e profesorado?
As familias galegas estamos fartas de que se
avalíe aos nosos fillos e fillas, xa se fai durante o curso académico por parte
das súas titoras, que son quen as coñecen, non é precisa ningunha outra
avaliación. Pero si podemos comprender que é necesaria unha avaliación do
funcionamento da administración educativa, a que leva anos recortando medios e
profesionais para a atención desas nenas e nenos ás que quere avaliar, a que
este curso abandonou ao alumnado de 2º de bacharelato que aínda hoxe non ten
claro como van ser as súas probas de acceso á universidade, a que confunde a
autonomía dos centros escolares coa falta de apoio para o tratamento das
problemáticas xerais, a que deixa sen recursos a toda a poboación con
necesidades educativas especiais. Ese é o parámetro que hai que avaliar, non a
un alumnado que abondo ten con aturar un ensino público mal planificado e peor
organizado precisamente por parte de quen pretende avaliarnos.
Por riba, aínda
queda algún resto das outras reválidas, as de sexto de primaria, cuarto da ESO
ou 2º de bacharelato, que foron mudando de nome e de intención, e pasaron de ser “instrumentos
imprescindíbeis” da modernización do
sistema educativo, a ser probas mostrais nalgún centro educativo para proporcionar
á administración educativa “unha información complementaria á hora de deseñar accións
específicas na súa aposta por unha maior calidade do ensino”; traducido: pasaron
de ser totalmente necesarias a non servir para nada; o que nós dixemos dende o
primeiro día e mantemos hoxe.
Esa é
Administración educativa que temos no noso País: xente que é quen de defender
unha cousa e a súa contraria segundo o que conveña electoralmente aos seus
copartidarios do Goberno central; xente que leva anos xogando co estudantado
galego utilizándoo á mantenta como material dun laboratorio externo a nós, que
só serviu para entorpecer o seu desenvolvemento académico, e para
desestabilizar a súa aprendizaxe nestes importantes anos do ensino obrigatorio.
Aínda ben é que as
familias, agrupadas nas asociacións de nais e pais, e con nós toda a sociedade,
a directamente implicada no Ensino Público e a que non o está pero o sente como
propio, fomos quen nestes anos pasados de ir variando a deriva discriminatoria
que a LOMCE impuxo ao noso Ensino, e ir apartando do futuro das nosas fillas e
fillos todos os atrancos que aquela xente insolidaria quixo introducir para que
o Ensino de todas pasara a ser o Ensino dunhas poucas, daquelas que tiñan os
medios privados para superalos.
Moito avanzamos e
moito conseguimos, mais nin moito menos todo o que pretendemos, porque a LOMCE
continúa a estar aí, e con ela están os erros curriculares, as valoracións
ideolóxicas, os itinerarios obrigatorios contaminados de sectarismo relixioso, o
desprezo á nosa cultura e á nosa Lingua, a discriminación activa a aquelas ás
que aparta do camiño maioritario, e unha ampla casuística de despropósitos que
nos reafirma na nosa petición básica, na que agora tamén xa sumamos ao Consello
Escolar do Estado: é unha norma que debe ser derrogada, canto antes, non hai
outra opción.
Vos deixamos tamén para a vosa consulta: