Paseo sobre a arte galega de preguerra en Vigo
1.
Manuel Antonio (fonte do Paseo
de Afonso XII)
Entre 1919 e 1923 o poeta de vangardas
Manuel Antonio, autor do De catro a catro,
residiu no Paseo de Afonso número 15. Coincide este tempo cun período de
maduración da creatividade literaria. Foi, sen dúbida, o máximo representante
do vangardismo na literatura galega de preguerra.
2.
Pinacoteca de Vigo (rúa
Abelaira)
A pintura galega viviu, arredor das
Irmandades da Fala, un novo pulo que se centraba na necesidade de representar
unha estética propia, vencellada á idea de “soberanía estética” aprobada no
Manifesto de Lugo (1918). Desta época destacamos os traballos de Imeldo Corral,
Álvaro Cebreiro, Castelao, Díaz Baliño, Maside etc. e que terían os seus
continuadores en Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Urbano Lugrís etc.
Algúns exemplos desta arte atópase na exposición da Pinacoteca Francisco
Fernández del Riego, na rúa Abel.
3.
Fundación Penzol e Fundación
Fernández del Riego (Praza da Princesa)
Dous dos arquivos públicos, de doazón
privada, máis importantes de Galicia están en Vigo. Débense á xenerosidade de
Fermín Penzol e de Francisco Fernández del Riego. Nos seus arquivos están
custodiados importantes e valiosos documentos da cultura galega (algúns únicos e
de extraordinario valor). Entre este feixe de documentación atopamos xornais,
correspondencia, pasquíns, carteis, primeiras edicións de libros etc. da época
das Irmandades da Fala e da República. Algúns exemplos: o Fondo Castelao, o
Fondo Otero Pedrayo, Fondo Villar Ponte, Fondo Xoán Vicente Viqueira ou Fondo
Ramón Piñeiro.
4.
El Pueblo Gallego (Praza do Pobo Galego)
Un dos xornais máis influentes de preguerra, en toda Galicia, foi El Pueblo Gallego, que é herdeiro dunha
tradición xornalística que se remonta a 1856, con La Oliva. Os principais escritores colaboraron nas súas páxinas:
Castelao, Paz Andrade, Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro,
Victoriano Taibo, Gonzalo López Abente etc. Dos seus talleres tamén saíron
libros como Dos arquivos do trasno
(1926), de Rafael Dieste.
5.
Cine-Teatro Tamberlick (rúa
Eduardo Iglesias)
No antigo Cine-Teatro Tamberlick tivo
lugar en 1921 a III Asemblea das Irmandades da Fala que, naquela altura,
xuntaba o máis nutrido da cultura galega. Aquí encontramos, de novo, os nomes
dos líderes do galeguismo. Aproveitando aquel encontro Castelao, Vicente Risco,
Losada Diéguez ou Lois Peña Novo impartiron varias conferencias en Lavadores e Vigo. Neste teatro estreouse
en 1929 a primeira ópera en galego: O
Mariscal, de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas.
6.
Paz Andrade e Antón Beiras (rúa
Policarpo Sanz)
No edificio Sanchón estivo o despacho de
avogados onde traballou Valentín Paz Andrade, un dos nomes claves e centrais da
cultura galega de preguerra en Vigo co iniciativas como o xornal Galicia. Diario de Vigo ou a publicación
de obras como Galicia como tarea
(1959). Pero no mesmo edificio tamén estaba a clínica do prestixioso
oftalmólogo Antón Beiras, quen escribiu o primeiro artigo científico en galego,
promoveu a fundación da actual Escola Rosalía de Castro (con Antía Cal) e quen
ideou un aparello revolucionario para corrixir o estrabismo que chamou
Vigoscopio.
7.
Teatro García Barbón (rúa
Policarpo Sanz)
En 1930 tivo lugar un encontro galeguista
que supuxo o reencontro logo da división do galeguismo político vivida en 1922,
en Monforte de Lemos. Neste mitin, que xuntou de novo a toda elite cultura e
intelectual galegas, falaron Castelao, Otero Pedrayo e Valentín Paz Andrade.
Logo celebrouse o coñecido Xantar da Barxa.
8.
Casa de Fernández del Riego
(Alameda de Vigo)
Francisco Fernández del Riego, oriúndo de
Vilanova de Lourenzá (A Mariña, Lugo), chegou ao galeguismo nos anos da
República pero tivo un papel sobranceiro, dinámico e activo. O seu rol de
custodio da memoria republicana e galeguista foi crucial para os anos despois
da guerra. O esforzo que fixo a prol da cultura, en iniciativas como a
Editorial Galaxia ou a revista Grial,
a dirección da Fundación Penzol, o compromiso político na clandestinidade e a
activación do traballo galeguista logo da guerra convérteno nun home
imprescindible para Galicia.
9.
Manuel Gómez Román (rúa Montero
Ríos)
Foi un dos arquitectos máis notables do
seu tempo e home respectado na elite intelectual viguesa. O seu nome lígase
posteriormente ao galeguismo, xa despois das Irmandades da Fala, pero puxo a
súa creación ao servizo de Galicia tratando de crear un estilo e un deseño
netamente galego (hai varios exemplos en Vigo). Foi o último secretario xeral
do Partido Galeguista (antes e despois da guerra), presidente da Sociedade La
Oliva e membro da Real Academia Galega cun discurso sobre a arte arquitectónica
galega que recitou en Vigo.
10.
Manuel Antonio, Navy Bar (rúa
Montero Ríos)
Un dos poemas célebres de Manuel Antonio é
o “Navy Bar” que se supón escribiu neste bar. De novo, co poeta de vangardas,
poñemos cabo ao roteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario