Inauguramos a escola de NAIS e PAIS!
Xa abrimos un espazo para o diálogo, para que podamos compartir as nosas inquedanzas á hora de educar ás nosas fillas e fillos.
Agradecemos a Luisa Abad que compartise con nós a súa visión sobre coeducación tan enriquecedora e desexable para a sociedade na que vivimos. Tamén agradecemos a presenza do profesorado que nos acompañou nesta xornada. Debemos ter esperanza en que as novas xeracións sexan quen de crear un mundo máis igualitario, pero temos que axudarlles, e o tempo é xa, nas primeiras fases da súa educación, que van ser determinantes para o seu futuro.
Foron moitos os aspectos nos que Luisa incidiu: Os estereotipos de xénero, os espazos na casa e na escola, os contos, a visión da sociedade das diferenzas entre xéneros, e como nós, os adultos que estamos nas vidas destas nenas e nenos podemos ofrecer alternativas mellores na súa educación para que se fomente entre elas e eles unha convivencia máis respectuosa e igualitaria.
Queremos incidir sobre todo nas propostas finais que se fixeron en positivo:
contos que teñen en conta a perspectiva de xénero, e que xa están na nosa escola, cos que nais e pais podemos traballar en coeducación |
ofrecer xoguetes coeducativos a nenas e nenos, observar e compartir os tempos de xogo, ofrecerlles xogos colaborativos e construtivos |
novos espazos para o xogo e para a aprendizaxe, ao aire libre, nos espazos interiores, facelos partícipes do deseño dos espazos, analizar o lugar que ocupan no patio... |
Algunhas propostas xa se están a levar a cabo nos centros educativos, tamén está na labor de Nais e Pais ofrecerse para xogar, para compartir eses momentos de lecer en familia, do que tanto desfrutan e agradecen. E escoller xogos coeducativos e modos de xogar construtivos.
Un exemplo foron as propostas da monitora da Ludoteca, que se prestou a colaborar nesta tarefa, na que organizaron diversos xogos que permiten ter unha visión máis igualitaria:
que acontece se nenos e nenas xogan ao fútbol xuntos, e as regras cambian e antes de tirar á protería hai que pasar o balón a todos os compañeiros e compañeiras?
que pasa se cando bailamos xogamos e non sexualizamos o baile?
Perderán o medo os nosos fillos e fillas a xogar a calquera cousa que lles apeteza sen medo a que os sinalen, a pensar: "iso son xogos de nenas..." "iso non é para ti..."
Ningún comentario:
Publicar un comentario