luns, 30 de abril de 2018

I JORNADA SEXOLOGÍA_ 12 MAIO

Deixámosvos información sobre estas I Xornadas de Sexoloxía, por si algún pai ou nai quere asistir.




domingo, 29 de abril de 2018

OBRADOIRO: INTERACCIÓNS SOCIAIS, PRIVACIDADE E SEGURIDADE NA REDE_ 5 MAIO


A EDUCACIÓN A DEBATE


ROTEIRO POR VIGO_12 MAIO



Paseo sobre a arte galega de preguerra en Vigo

1.      Manuel Antonio (fonte do Paseo de Afonso XII)

Entre 1919 e 1923 o poeta de vangardas Manuel Antonio, autor do De catro a catro, residiu no Paseo de Afonso número 15. Coincide este tempo cun período de maduración da creatividade literaria. Foi, sen dúbida, o máximo representante do vangardismo na literatura galega de preguerra.

2.      Pinacoteca de Vigo (rúa Abelaira)

A pintura galega viviu, arredor das Irmandades da Fala, un novo pulo que se centraba na necesidade de representar unha estética propia, vencellada á idea de “soberanía estética” aprobada no Manifesto de Lugo (1918). Desta época destacamos os traballos de Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Castelao, Díaz Baliño, Maside etc. e que terían os seus continuadores en Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Urbano Lugrís etc. Algúns exemplos desta arte atópase na exposición da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, na rúa Abel.

3.      Fundación Penzol e Fundación Fernández del Riego (Praza da Princesa)

Dous dos arquivos públicos, de doazón privada, máis importantes de Galicia están en Vigo. Débense á xenerosidade de Fermín Penzol e de Francisco Fernández del Riego. Nos seus arquivos están custodiados importantes e valiosos documentos da cultura galega (algúns únicos e de extraordinario valor). Entre este feixe de documentación atopamos xornais, correspondencia, pasquíns, carteis, primeiras edicións de libros etc. da época das Irmandades da Fala e da República. Algúns exemplos: o Fondo Castelao, o Fondo Otero Pedrayo, Fondo Villar Ponte, Fondo Xoán Vicente Viqueira ou Fondo Ramón Piñeiro.

4.      El Pueblo Gallego (Praza do Pobo Galego)

Un dos xornais máis influentes  de preguerra, en toda Galicia, foi El Pueblo Gallego, que é herdeiro dunha tradición xornalística que se remonta a 1856, con La Oliva. Os principais escritores colaboraron nas súas páxinas: Castelao, Paz Andrade, Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro, Victoriano Taibo, Gonzalo López Abente etc. Dos seus talleres tamén saíron libros como Dos arquivos do trasno (1926), de Rafael Dieste.

5.      Cine-Teatro Tamberlick (rúa Eduardo Iglesias)

No antigo Cine-Teatro Tamberlick tivo lugar en 1921 a III Asemblea das Irmandades da Fala que, naquela altura, xuntaba o máis nutrido da cultura galega. Aquí encontramos, de novo, os nomes dos líderes do galeguismo. Aproveitando aquel encontro Castelao, Vicente Risco, Losada Diéguez ou Lois Peña Novo impartiron varias conferencias en Lavadores e Vigo. Neste teatro estreouse en 1929 a primeira ópera en galego: O Mariscal, de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas.

6.      Paz Andrade e Antón Beiras (rúa Policarpo Sanz)

No edificio Sanchón estivo o despacho de avogados onde traballou Valentín Paz Andrade, un dos nomes claves e centrais da cultura galega de preguerra en Vigo co iniciativas como o xornal Galicia. Diario de Vigo ou a publicación de obras como Galicia como tarea (1959). Pero no mesmo edificio tamén estaba a clínica do prestixioso oftalmólogo Antón Beiras, quen escribiu o primeiro artigo científico en galego, promoveu a fundación da actual Escola Rosalía de Castro (con Antía Cal) e quen ideou un aparello revolucionario para corrixir o estrabismo que chamou Vigoscopio.

7.      Teatro García Barbón (rúa Policarpo Sanz)

En 1930 tivo lugar un encontro galeguista que supuxo o reencontro logo da división do galeguismo político vivida en 1922, en Monforte de Lemos. Neste mitin, que xuntou de novo a toda elite cultura e intelectual galegas, falaron Castelao, Otero Pedrayo e Valentín Paz Andrade. Logo celebrouse o coñecido Xantar da Barxa.

8.      Casa de Fernández del Riego (Alameda de Vigo)

Francisco Fernández del Riego, oriúndo de Vilanova de Lourenzá (A Mariña, Lugo), chegou ao galeguismo nos anos da República pero tivo un papel sobranceiro, dinámico e activo. O seu rol de custodio da memoria republicana e galeguista foi crucial para os anos despois da guerra. O esforzo que fixo a prol da cultura, en iniciativas como a Editorial Galaxia ou a revista Grial, a dirección da Fundación Penzol, o compromiso político na clandestinidade e a activación do traballo galeguista logo da guerra convérteno nun home imprescindible para Galicia.

9.      Manuel Gómez Román (rúa Montero Ríos)

Foi un dos arquitectos máis notables do seu tempo e home respectado na elite intelectual viguesa. O seu nome lígase posteriormente ao galeguismo, xa despois das Irmandades da Fala, pero puxo a súa creación ao servizo de Galicia tratando de crear un estilo e un deseño netamente galego (hai varios exemplos en Vigo). Foi o último secretario xeral do Partido Galeguista (antes e despois da guerra), presidente da Sociedade La Oliva e membro da Real Academia Galega cun discurso sobre a arte arquitectónica galega que recitou en Vigo.

10.  Manuel Antonio, Navy Bar (rúa Montero Ríos)

Un dos poemas célebres de Manuel Antonio é o “Navy Bar” que se supón escribiu neste bar. De novo, co poeta de vangardas, poñemos cabo ao roteiro.

venres, 23 de marzo de 2018

TALLER DE ALIMENTACIÓN SAUDABLE (FOANPAS)

Os vindeiros días martes 10, 17, 24 de abril e 8, 15 ,22 e 29 de maio de 18:30 a 20:30 h. no IME (Camiño do Chouzo nº 2) terá lugar o taller.

“TALLER DE ALIMENTACIÓN SAUDABLE”

Este taller está dirixido a familias e a toda a comunidade educativa dos centros de ensino público.
Hoxe en día é moi importante dar ós/ás nenos/as unha boa alimentación, xa que é a base do desenvolvemento tanto físico como intelectual das nosas crianzas.

Neste taller, como veredes no cartaz axunto, trátanse con moito interese a prevención da obesidade, os alimentos que nos prexudican, hábitos saudables na casa, etiquetas dos alimentos e conseguir que os nosos/as nenos e nenas coman axeitadamente.

Aprenderemos a utilizar a información nutricional no noso beneficio, a elixir bos alimentos así como a súa preparación e proporcións máis axeitadas e instarurar hábitos para poder corrixir posibles vicios.

As “chuches” e os precociñados son inimigos das nosas crianzas. Axudémoslles na adquisición de bos hábitos alimenticios.

PREGAMOS FAGADES DIFUSIÓN DESTA ACTIVIDADE XA QUE A CONSIDERAMOS IMPRESCINDIBLE PARA UNHA BOA CULTURA DA ALIMENTACIÓN SAUDABLE.

Contaremos con servizo de ludoteca sempre que haxa un mínimo de 5 nenos/as anotados/as.
Inscricións ata 6 de abril no 986298812 ou en foanpas@foanpas.com