Estes cursos son un convite a meter un pé na auga, a pór a lingua en remollo; unha boa escusa para perfeccionar o noso idioma a través do coñecemento do patrimonio natural e cultura que inza arredor da auga.
Curso de auga salgada: O mar, fonte de vida coma os ríos, é ademais unha porta aberta ao mundo. Neste curso achegarémonos ao coñecemento da historia da nosa cidade e do seu desenvolvemento económico e cultural, só explicable pola relación ancestral co medio mariño. Guiranos nesta travesía o estudo da riqueza lingüística que o mar, e todo o que se xera arredor, del, atesoura.
Curso de auga doce: Desde os ríos e regatos da nosa comarca até o pai Miño, o fluír da auga sempre foi no noso país fonte da vida; determinou a orografía, permitiu o desenvolvemento de ecosistemas diversos e condicionou a nosa maneira de habitar o territorio. Ao longo dos seus cursos medra unha cultura material e inmaterial diversa e un rico patrimonio lingüístico e cultural que nos incumbe.
Podedes ampliar a información (inscrición, datas, horarios, lugar, etc.) sobre os cursos premendo no curso que vos interese.
Ningún comentario:
Publicar un comentario