martes, 25 de outubro de 2016

CONCENTRACIÓN CONTRA AS REVÁLIDAS DA LOMCE

o vindeiro 26 de outubro terá lugar unha concentración contra as Revalidas e a LOMCE na farola de Urzaiz (Rúa do Príncipe) ás 19:00h. Deixámosvos un decálogo de motivos polos que deberíamos asistir!!!

DECÁLOGO DE MOTIVOS POLOS QUE ESTAMOS EN CONTRA DAS REVÁLIDAS DA LOMCE

1. CLASIFICACIÓN DOS CENTROS E COMPETICIÓN (MAL ENTENDIDA) ENTRE OS MESMOS, xa que de publicarse os resultados só conseguirán prexudicar ás escolas de contornas socioeconómicas desfavorecidas, como corroboran diferentes estudos publicados.

2. NEUTRALIZACIÓN de novas iniciativas metodolóxicas dos centros que apostan por proxectos educativos que respectan os ritmos de aprendizaxe e desenvolven os currículos prestando gran atención ás intelixencias múltiples, xa que o modelo de reválida privilexia os contidos, ignora moitas das competencias clave e introduce obstáculos no progreso da formación do alumnado.

3. SELECCIÓN TEMPERÁ, xa que o énfase debería poñerse nas dotacións orzamentarias destinadas a paliar os problemas que unha proba ben deseñada podería contribuír a detectar, e non centrada nos resultados do alumnado, clasificando aos estudantes en “bos e malos”, tentando evitar o acceso destes últimos aos estudos post-obrigatorios.

4. COMPETENCIA MAL ENTENDIDA, xa que centrará os esforzos das escolas na obtención de bos resultados na reválida, e non na necesaria cooperación entre elas.

5. PERVERSIDADE E FALTA DE OBXECTIVIDADE, xa que só se terán en conta algunhas competencias, e dentro destas sobre todo o contido, e non aspectos moi relevantes como o pensamento crítico, a creatividade, a propia iniciativa, as características individuais de cada persoa, a competencia social e cidadá…

6. DESCONFIANZA E CONTROL INAPROPIADO aos centros e os docentes, cuestionado a súa capacidade para realizar o seu traballo, non mencionando en ningún punto a importancia da formación continuada.

7. INVOLUCIÓN, inspirándose en modelos superados e non nos mellores modelos vixentes en Europa, e centrando os obxectivos de moitos cursos na superación duns exames de dubidosa relevancia, en detrimento de case todos os aspectos importantes no proceso de ensino-aprendizaxe.

8. INEFICACIA, dado que moitos organismos e informes, como o National Research Council de Estados Unidos (2011), expoñen que os sistemas semellantes ao que propón a reválida na LOMCE son ineficaces e non contribúen á mellora da formación do alumnado no futuro; por el contra, co tempo os resultados das probas poden mellorar porque o traballo docente e a aprendizaxe das rapazas e rapaces céntrase na realización das probas.

9. IMPOSICIÓN, xa que non se levou a cabo ningún tipo de debate científico, social e político, necesarios para chegar a un consenso, e as reválidas foron aprobados coa maioría de todos os sectores da comunidade educativa en contra.

10. DESCOORDINACIÓN, IMPROVISACIÓN E FALTA DE INFORMACIÓN por parte da Administración que aconsellan a non realización das probas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario