luns, 24 de outubro de 2016

RENOVACIÓN DA XUNTA DIRECTIVA DA ANPA PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS E PROCESO ELECTORAL

Por mor da renuncia voluntaria ao cargo de tres compoñentes da Xunta Directiva actual deberemos convocar unha Asemblea Extraordinaria para elixir un novo equipo.


CANDIDATURAS

Todas as candidaturas presentadas deberán ser candidaturas CONXUNTAS*


* As candidaturas CONXUNTAS son as formadas por un grupo de socios/as que se unen para presentarse como grupo, elixindo cada un dos socios integrantes un posto dentro da Xunta Directiva. Segundo os estatutos da Asociación deberá ter cubertos, polo menos, os seguintes postos, de forma obrigatoria: Presidente/a, vicepresidente/a, tesoreiro/a e secretario/a; ademais, poderán existir tantos postos de vocais como se estime oportuno, sen límite nin por exceso nin por defecto, aínda que non é recomendable que existan demasiados vocais na asociación, para facilitar o funcionamento da mesma. Polo tanto, as candidaturas conxuntas deberán estar formadas por, polo menos, catro membros.

Como xa vos informamos, calquera membro socio/a ten dereito a presentarse como candidato. Animámosvos a todos/as a que presentedes candidatura, e poñades en marcha os vosos proxectos e ideas. No entanto, e vista a experiencia en cursos anteriores, debedes ter en conta que calquera cargo, sexa o que sexa, dentro da Xunta Directiva, require dunha mínima dedicación de tempo por parte dos seus integrantes, xa que diso DEPENDE O BO FUNCIONAMENTO das actividades extraescolares, así como moitas outras xestións habituais que as ANPAS realizan: colaboración en proxectos co centro, promover as boas relacións entre a Directiva e os docentes do Centro coas familias, representación no consello escolar do centro, xestión das subvencións, xestión económica e administrativa da asociación, representar á asociación perante calquera organismo ou en  reunións con anpas do municipio, informar e promover actividades formativas e culturais…


PROCESO PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS E ELECCIÓNS

Todos aqueles socios e/ou socias da ANPA que esteades interesados en presentar candidatura pechada para formar parte da Xunta Directiva da Asociación, poderedes facelo, cubrindo o impreso ao efecto,desde o próximo día 7 de Novembro de 2016  ata o día 11 de Novembro de 2016. O impreso podedes descargalo aquí.

Poderedes entregalo en man no local do ANPA, ou depositar na nosa caixa de correos.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, estas expoñeranse publicamente no taboleiro de anuncios do ANPA no centro, así como no blogue da asociación https://anpaosirmandinhos.blogspot.com.es/  e enviarase por tokapp co fin de publicitar ao máximo as candidaturas entre os socios/as. O período de publicación será do 14 ao 18 de Novembro de 2016.

Cando finalice o período de publicación de candidaturas, convocarase aos socios en Asemblea xeral extraordinaria o martes día 22  de Novembro de 2016, para proceder á presentación das candidaturas e á elección.
Desta convocatoria, sairá a Xunta Directiva do ANPA Os Irmandiños para os cursos 2016-2017 e o vindeiro 2017-2018.

RESUMO
·         24 Outubro 2016 publicación do proceso de eleccións
·         Do 7 ao 11 de Novembro de 2016 prazo de presentacións de candidaturas conxuntas
·         Do 14 ao 18 de Novembro de 2016 período de publicación das candidaturas
·         Dia 22 de Novembro de 2016 elección de Xunta Directiva en Asemblea Extraordinaria de socios/as.


Animámosvos a participar e así colaborar de forma activa pola educación dos nosos fillos.


            Moitas grazas e un saúdo,

Ningún comentario:

Publicar un comentario