As áreas de Igualdade do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra promoven a exposición "Con A de Astrónomas" que se poderá visitar desde o día 22 de marzo ata o 14 de maio de 2017 na primeira planta da Casa das Artes.
Esta é unha aventura dobre. Por unha banda esta exposición permítelle ao público mergullarse na ciencia da Astronomía: galaxias, estrelas, planetas, cometas... os obxectos que poboan o Cosmos son os seus protagonistas, como tamén o son as miles de mulleres que investigaron sobre este eido.
En todas as épocas da historia atopámonos con astrónomas que adicaron os seus días e as súas noites ao estudo dos corpos celestes. Esta mostra lembra moitas delas, desde Aglaonike que predecía eclipses de lúa na Grecia clásica a Caroline Herschel que descubriu cometas e estudou as estrelas binarias no século XVIII. E tamén a moitas investigadoras que na actualidade son punta de lanza na vangarda desta ciencia.
“Con A de Astrónomas” é unha iniciativa do grupo “Ella es una astrónoma” formado por profesionais do campo da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino. A mostra está integrada por paneis físicos, elementos interactivos e material de atrezo (réplicas de instrumentos antigos e estatuas) utilizado na película Ágora, dirixida por A. Amenábar, que narra a vida de Hipatia de Alexandría.
Na preparación da mostra participaron nove astrónomas de distintos centros de investigación, entre elas Josefina F. Ling, da Universidade de Santiago de Compostela e comisaria da exposición xunto á historiadora da ciencia Eulalia Pérez Sedeño.
Lugar: Casa das Artes. 1ª planta. Rúa Policarpo Sanz, 15
A partir do 23 de marzo e ata o 14 de maio de 2017 a mostra poderase visitar nos siguientes horarios de sala:
Luns a venres: de 18:00 a 21:00h
Sábados: de 12:00 a 14:00h e de 18:00 a 21:00h
Domingos e festivos: de 12:00 a 14:00h
Aproveitamos a ocasión para facilitarvos o enlace á paxina web da Sociedade Española de Astronomía (SEA) http://www.sea-astronomia.es/ drupal/mujer, fundada en 1992 que agrupa a máis de 500 astrofísicas/os profesionais e astrónomas/os amateurs de España. Nesta web atoparedes información complementaria da exposición "Con A de astrónomas" (contidos dos paneis, cuadernos didácticos nos que se tratan diversos temas desde un punto de vista educativo: lentes gravitacionais, a esfera celeste, radiotelescopios, etc) así como información e publicacións da Comisión Muller e Astronomía. Esta comisión ten como obxectivo promover a visibilidade e participación das astrónomas nas actividades da comunidade astronómica española.
Ningún comentario:
Publicar un comentario